BASES CONCURSO FOTOGRÁFICO “IMAXES CON FONDO”
FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE. 2012.


1.      PARTICIPANTES
·         Poderán presentarse persoas de calquera nacionalidade residentes en concellos galegos de 13 anos en diante.
·         Haberá dúas categorías:
- Dos 13 aos 17 anos (ambos inclusive): categoría xuvenil
- A partir dos 18 anos: categoría adultas/os
2.      TEMÁTICA DO CONCURSO
Os traballos deberán axustarse ás temáticas propostas, que son as seguintes:
·         Para a categoría xuvenil: A solidariedade dá sentido ás nosas vidas.
A solidariedade é un dos valores fundamentais e universais nos que deberían basearse as relacións entre os pobos e entre as persoas dunha mesma sociedade. É tamén un dos piares centrais da cooperación internacional, mais non é necesario participar directamente nos proxectos do sur para poñer en práctica a nosa solidariedade. A solidariedade é dar apoio e comprensión ante as dificultades que pode ter outra persoa, dende o respecto, a igualdade e o desinterese, sendo conscientes de que podemos influenciarnos entre  todas as persoas dun xeito positivo. Ao solidarizarnos implicámonos na resolución dos problemas do noso contorno , contribuíndo á construción dun mundo en paz, máis xusto e equitativo. Cada día preséntanse oportunidades para ser solidarias/os  con quen nos rodea, como por exemplo: Dar conversa a unha persoa maior que vive soa, axudar a levar as bolsas da compra a unha persoa con dificultades, contribuír nas tarefas domésticas, axudar a un compañeiro/a cos deberes, respectar o medio ambiente, ceder o asento do autobús a unha embarazada, tratar de frear burlas ou ofensas contra outras/os compañeiras/os da clase, integrar  no noso grupo de amizades a persoas doutras nacionalidades, etc.
As persoas que queiran participar e que entren dentro desta categoría deberán achegar fotografías nas    que se amose a solidariedade dentro da nosa sociedade. Ademais de reflectir imaxes da solidariedade cotiá tamén poderán achegar imaxes de mobilizacións ou actividades que se dan no seu concello en torno a este principio.
·         Para a categoría adultas/os: Cambia, reivindica e constrúe.
No contexto actual de globalización observamos na nosa sociedade innumerables prácticas, que a simple vista poden resultar inofensivas, pero que pola contra van acompañadas de efectos nefastos para os pobos do sur e para o noso propio. Seguindo os informes do PNUD, aproximadamente o 20% da humanidade aproveita e explota o 80% dos bens da terra, mentres que o 80% restante deben repartirse menos do 20% dos bens. O desigual reparto de riquezas continúa  a perpetuar as relacións desiguais entre os países do norte e do sur.  Crear conciencia social sobre os efectos perversos da globalización e sobre os actos que levamos a cabo na nosa sociedade é un acto de xenerosidade, mais tamén de creación dunha cidadanía global responsable que denuncie as corrupcións, as inxustizas, e as malas prácticas adquiridas e xa normalizadas, que obstaculizan o desenvolvemento humano tanto no norte coma no sur.
As persoas participantes deberán achegar imaxes que amosen como algunhas prácticas na nosa sociedade (tanto de persoas particulares coma de empresas e gobernos) repercuten negativamente nas poboacións dos países do sur de forma directa ou de forma indirecta (como, por exemplo, creando falsos estereotipos sobre as persoas dunha nacionalidade). Algúns exemplos poderían ser: consumo de enerxía, explotación laboral, racismo, prostitución de inmigrantes, narcotráfico, comercio “inxusto”, malas prácticas empresariais, quecemento global, etc.

3.      PRAZO DE PRESENTACIÓN
As/os concursantes poderán facer entrega dos seus traballos entre o 15 de marzo e o 30 de setembro de 2012.

4.      ENTREGA DAS OBRAS

·         As fotografías entregaranse por correo electrónico ao enderezo info@igadi.org . Para calquera dúbida pódese chamar ao 698 156 127 de luns a venres de 9:30 a 14:00h.
·         As fotografías deberán ser presentadas en formato JPG. Tamén serán admitidas as presentadas en formato comprimido (zip ou rar).
·         Admítense fotografías en cor e en branco e negro.
·         O correo electrónico deberá conter, ademais, dous documentos de texto:
o     DOCUMENTO DE TEXTO “OBRA”: este documento deberá nomearse co pseudónimo da autora ou autor seguido da palabra “obra”. Por exemplo: bolboreta_obra ou bolboretaobra. Deberá conter a seguinte información:
-  Pseudónimo da/o concursante.
- Título de cada obra, asociada ao número de ficheiro correspondente ou ao nome que leve o arquivo fotográfico.
- Breve descrición de cada obra, de 140 caracteres, na que se explique a relación da imaxe co tema proposto.
- Lugar de realización.
- Modelo de cámara empregado

o     DOCUMENTO DE TEXTO “DATOS PERSOAIS”: este documento deberá nomearse co pseudónimo seguido de “datos persoais”. Por exemplo: bolboreta_datospersoais ou bolboretadatospersoais. Deberá conter a seguinte información:
- Nome e apelidos.
- Data de nacemento.
- DNI ou NIE
- Domicilio, código postal e poboación.
- Teléfono de contacto e enderezo electrónico.
- En caso de ser menor de idade, autorización asinada con DNI da nai/pai ou titor/a.

Os documentos de texto nos que se indiquen os datos persoais da/o concursante será arquivado pola Secretaría Técnica do Fondo Galego e en ningún caso as persoas que compoñen o xurado terán acceso aos mesmos ata unha vez decidido quen son as/os gañadoras/es.
·         Non se admitirán fotomontaxes ou fotografías retocadas dixitalmente, se ben si serán admitidas as fotografías con retoques de brillo, contraste, etc, empregados para mellorar a calidade da imaxe.
·         Non se admitirán obras gañadoras doutros concursos fotográficos.
·         Cada participante poderá presentar ata un máximo de 5 fotografías.
5.      PREMIOS
·         De cada categoría será seleccionada unha fotografía gañadora, que recibirá un premio. Os premios serán os seguintes:
- Para a categoría xuvenil: Cámara fotográfica Canon EOS 1100 + Obxectivo EF-S 18-55 mm e un lote de produtos de comercio xusto, valorado todo en 450€.
- Para a categoría adultas/os: Viaxe (inclúe billetes de avión e aloxamento) a un dos nosos proxectos en Cabo Verde, co obxectivo e compromiso de realizar un labor voluntario: un traballo fotográfico para o arquivo do Fondo Galego. Estas fotografías quedarán en propiedade de dita entidade, que poderá empregalas para realizar calquera actividade sen fins lucrativos, citando sempre ao/á autor/a das obras. A viaxe ao terreo será realizada no 2013.

6.      XURADO E SELECCIÓN DE GAÑADORAS/ES
·         Participar no concurso implica aceptar estas bases e a inapelable decisión do xurado, que estará composto por cinco persoas:
- Representante da Comisión Executiva do Fondo galego de Cooperación e Solidariedade
- Representante Coordinadora Galega de ONGD
- Representante Asociación Provincial de fotógrafas/os profesionais da provincia de Pontevedra/ Coruña/ Lugo/Ourense.
- Dúas persoas provenientes do persoal técnico dalgún concello e/ou deputación integrada no Fondo Galego.
·         Quedarán descartadas aquelas fotografías que non reúnan un mínimo de calidade ou que puideran resultar de mal gusto ou ofensivas para as persoas protagonistas da imaxe.

7.      ENTREGA DE PREMIOS
·         O fallo do concurso farase público no mes de novembro de 2012 a través da páxina web do Fondo Galego www.fondogalego.org. Con anterioridade comunicaráselle individualmente ás persoas premiadas. Se o xurado o estimase oportuno algún dos premios podería quedar deserto.
·         A entrega de premios será realizada no mes de novembro de 2012, durante as VII Xornadas anuais do Fondo Galego (está por decidir o lugar e o día concreto).

8.      PROPIEDADE E USO POSTERIOR DAS FOTOGRAFÍAS
·         A propiedade intelectual das fotografías (gañadoras ou non) recaería nas autoras/es das mesmas, mais o Fondo Galego resérvase o dereito á súa explotación para fins non lucrativos.
·         O Fondo Galego poderá expoñer as fotografías a través dos seus canles de comunicación (web, Facebook) no momento de recibilas, indicando o título e o pseudónimo baixo as que son presentadas.
·         Todas as fotografías achegadas poderán ser empregadas polo Fondo Galego para actividades de sensibilización sobre as temáticas en cuestión, sempre citando ao/á autor/a da obra, e sempre que sexa sen fins lucrativos.
·         O Fondo Galego poderá realizar unha exposición coas fotografías presentadas ou cunha selección,  se a calidade das mesmas o permite, e na que se indicaría a titularidade das fotos.  A exposición tería por obxecto sensibilizar á poboación galega sobre os valores nos que se fundamenta o concurso.