miércoles, 4 de septiembre de 2013

IV ROTEIRO FOTOGRAFICO EN BARREIROS

Seguindo a liña de traballo deste ano, adicada ao Rural Barreirense, o Colectivo Cultural Ollomao organiza para o próximo SÁBADO, 7 de SETEMBRO, o IV Roteiro Fotográfico.
 Ollomao vén realizando esta actividade de maneira parelela ao certame fotográfico “Enfocando Barreiros”, que este ano, na súa terceira edición, leva por tema tamén o rural barreirense. O obxecto destas xornadas é dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural e a arquitectura popular barreirense, á vez que ofrecer un espazo de participación e convivencia para as persoas amantes da natureza e aficionadas á fotografía.


O punto de partida para o roteiro está sinalado na planta CAVI (Centro de Alimentación de Vacuno- Irmandiños) na parroquia de Vilarmartín Grande, ás 09:30 da mañá. Este roteiro é circular de xeito que o punto final está situado no mesmo lugar que o punto de saída, onde todas as persoas que desexen participar poderán deixar aparcados os seus vehículos no tempo de duración do roteiro. Está prevista unha duración aproximada de 5 horas e o percorrido a realizar dun total de 15 km. comprende os lugares de A Cabana da Vella, Vilamartín Pequeno, Vilamartín Grande, Gondán, A Rilleira e Cabarcos. Ao igual que o resto de roteiros organizados polo colectivo barreirense, este será tamén guiado e contará coa participación dun experto en materia de historia local que explicará puntos de interese que se vaian atopando ao paso como o antigo Concello de Cabarcos, o cárcere e a antiga notaría.

 Dende Ollomao informan que a ruta planificada discorrerá en todo momento por camiños asfaltados. Recoméndase que cada partipante vaia provisto con calzado e roupa axeitados, así como de comida e bebida para o seu consumo durante o roteiro. Esta actividade é libre e de balde para todas as persoas interesadas non sendo preciso apuntarse por adiantado, abonda con estar no lugar e hora indicados para o punto de saída. Todas as persoas que desexen aclarar algunha cuestión relativa a esta e outras actividades do colectivo poden dirixir as súas dúbidas por correo electrónico ao enderezo: colectivo.cultural.ollomao@gmail.com

 Informan tamén que o prazo para a participación no certame fotográfico foi ampliado ata o día 30 de Setembro, co cal animan a todas as persoas que gusten da fotografía a tomar parte nos roteiros a celebrar durante este mes de Setembro, sendo unha boa ocasión para a captura de instantáneas da zona rural do Concello de Barreiros. Asimesmo, convidan a participar a todas as persoas que gusten de facer camiñatas aínda que non sexa con motivo da fotografía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario